Distinciones Honoríficas: Día de Zernadas de Castro
EXP: 2026/X998/000006
Anuncio de aprobación do “Día Zernadas de Castro”
O Concello de Lousame, na sesión plenaria ordinaria que tivo lugar o día 29/01/2026, adoptou o seguinte acordo, que se fai público para o coñecemento de toda a cidadanía:
“O Concello de Lousame, órgano competente para a adopción deste acordo, segundo as competencias outorgadas pola lexislación vixente en materia de réxime local, e segundo os seguintes antecedentes administrativos e fundamentación xurídica:
Antecedentes Administrativos:
Primeiro: O ano 2027 é unha nova oportunidade para reivindicar a figura do “Cura de Fruíme”, sobre todo atendendo o contexto actual que reina na RAG. O concello de Lousame xa propuxo a súa candidatura no ano 1993 e o Club de Xornalistas Galegos en Madrid no ano 2002. A tal propósito o noso concello leva dende entón traballando e poñendo en valor a vida e obra de Zernadas: colocación dun busto do escritor fronte a igrexa de San Martiño de Fruíme, publicación de libros de toda a obra literaria e poemario en galego do autor, produción de videopoemas, adquisición de esculturas e cadros de Zernadas, conferencias, exposicións, musicalización de poemas....
Diego Antonio Zernadas y Castro “O Cura de Fruíme”, nado en Santiago no 1702 e morto en Fruíme no 1777 é sen dúbida a referencia cultural máis representativa do Concello de Lousame; tendo en conta o contexto histórico do século XVIII pódese afirmar que Zernadas foi o primeiro precursor do galeguismo (publicou un Memento dedicado a su muy Noble, muy Respetable y muy Amada Madre la Nación Gallega). Dous séculos antes de Rosalía, xa el escribía os seus versos na defensa de Galicia.
Tómase como data de referencia a partida de bautismo do Licdo. D. Juan de Baamonde, cura e reitor de San Frutuoso e Santa Susana (Parroquia de Santiago de Compostela). Documento que establece que Diego Antonio Cernadas y Castro naceu o 18 de marzo de 1702. “Bauticé a un niño a quien puse por nombre Diego Antonio, hijo legítimo de Antonio Cernadas, secretario, y de María Antonia de Castro, su mujer. Fueron sus padrinos Diego Estévez de Castro y María González de Castro, vecinos de esta ciudad. Declareles el parentesco. Y lo firmo, Juan Núñez de Baamonde.”
Nunha época tan convulsa como os “Séculos Escuros”, Zernadas loitou pola dignificación de Galicia, da súa cultura e da súa lingua. A súa palabra alzouse sempre contra os menosprezos e inxustizas que aldraxaban a nosa terra nun tempo de silencios.
O espírito galeguista do cura de Fruíme foise esquecendo co paso do anos, se ben a valía de Zernadas está respaldada por escritores, xornalistas e historiadores dos séculos XVIII, XIX e XX: Neira de Mosquera, Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Manuel Murguía, Xosé Lois García, Xosé Manuel Rivas Troitiño, Xulio Pardo de Neyra, Xosé A. Fernández Salgado, Rita Peinado, Xosé Pumar Gándara, George Borrow...
Os seus amigos e admiradores publicaron sete tomos coas súas obras como homenaxe póstumo e mostra do seu legado a prol da cultura galega. Foi tamén o primeiro xornalista galego, xa que editaba uns Petitorios anuais nos que daba conta da actualidade da época (reportaba as festas en Santiago ou a percepción do terremoto de Lisboa); era un escritor cunha forte conciencia de xustiza social, moi próximo aos seus fregueses e veciños de Fruíme.
Segundo: O Concello de Lousame decide postular a Zernadas de Castro como homenaxeado das Letras Galegas no ano 2027 co gallo dos 250 anos do seu pasamento, e a tal efecto encarga ao Departamento de Cultura que deseñe e propoña as actividades necesarias para acadar esta finalidade.
Terceiro: Dentro desas actividades atópase a de establecer de forma institucional como “Día de Zernadas de Castro” o 18 de marzo (data do seu nacemento), de xeito que esta actividade se una á programación que se deseñe para promover a candidatura de Zernadas de Castro no ano 2027 ante a Real Academia Galega.
Fundamentación Xurídica:
Primeiro: O Regulamento de Honras e Distincións do Concello de Lousame non recolle expresamente esta actividade de recoñecemento, pero pode enmarcarse no seu capítulo V que regula o “nomeamento de prazas, rúas ou calquera instalación ou servizo dependente do Concello. Colocación de placas, monumentos e elementos análogos”; e todo isto porque o establecemento institucional do “Día Zernadas de Castro” non é máis que a homenaxe a unha persoa (Zernadas de Castro) e o recoñecemento dun feito singularizado (o día do seu nacemento)
Segundo: No informe do Departamento de Cultura, do día 14/01/2025, recóllese a xustificación do día elixido (18 de marzo).
Á vista do expediente tramitado, este Pleno Corporativo ACORDA:
Primeiro: Homenaxear á figura de Zernadas de Castro establecendo, de forma institucional, como Día de Zernadas de Castro o 18 de marzo (data do seu nacemento).
Segundo: Publicar este acordo no Boletín Oficial da Provincia e sede electrónica municipal para xeral coñecemento de toda a cidadanía”
Este acordo pon fin á vía administrativa e contra o mesmo pode interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación; ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o xulgado que corresponda, dentro do prazo de dous meses contados a partir da mesma data, sen prexuízo de que se poida interpoñer calquera outro recurso que se estime pertinente
Lousame, a 2 de febreiro de 2026
O Alcalde, Esteban Ares García